A XUNTA RECIBE NO ALBERGUE DE VIGO Á “PEREGRINA DOS RÉCORDS” NO SEU 56 CAMIÑO DE SANTIAGO AOS SEUS 85 ANOS
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acudiron ao encontro da camiñante vasca Maritxu Usubiaga ao seu paso pola cidade
O Camiño da Costa marca un novo récord de afluencia con 7.320 peregrinos no que vai de ano e un aumento do 62% respecto a 2025, cando xa batera todas as marcas e rozara a cifra histórica de 100.000 camiñantes
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, recibiron esta semana no Albergue Público de Peregrinos “Juan Manuel López Chaves”, situado no barrio do Berbés, á peregrina vasca Maritxu Usubiaga durante o seu paso pola cidade.
“Foi un pracer recibila no noso albergue e coñecer as súas experiencias vitais, porque é un exemplo para todos os camiñantes e demostra unha enerxía e gañas de gozar da experiencia do Camiño”, sinalou Ortiz. Pola súa banda, Luisa Sánchez destacou a Maritxu Usubiaga como “a peregrina dos récords Guinness” e desexoulle unha boa viaxe ata Santiago de Compostela.
A camiñante vasca narrou que a súa experiencia como peregrina comezou no ano 2007 como unha promesa. “Tiven unha pneumonía moi forte e pedinlle a Deus que se saía adiante faría o Camiño de Santiago”, explicou. Maritxu Usubiaga xa cumpriu 55 anos e realiza esta primavera a súa peregrinación a Compostela número 56, incluídos en catro ocasións o Camiño da Costa e máis dunha decena de visitas a Muxía. “Eu son feliz facendo o Camiño”, declarou.
Datos de novo récord no Camiño da Costa
A chegada da peregrina vasca a Vigo coincide cun novo arranque de ano que bate todas as marcas anteriores no Camiño da Costa. Se o 2025 xa superou todas as cifras, cun total de 89.511 camiñantes coa compostela, o inicio do 2026 apunta a que alcanzará a cifra máxica de 100.000 peregrinos.
No que vai de ano xa foron un total de 7.320 persoas as que chegaron a Santiago tras pasar por Vigo, o que significa un aumento do 62% respecto do ano anterior. O mes de marzo, con 2.788 romeiros, tivo un crecemento do 28% respecto do mesmo mes de 2025. Pero nos primeiros dez días de abril, a cifra aumentou ata os 3.710 e un incremento do 161%.
En canto aos lugares de procedencia, o Camiño da Costa consolídase como a ruta con máis estranxeiros, posto que o 74% de peregrinos chegan desde outros países, con Alemaña (14,3%) liderando a clasificación, por diante de Portugal (6,6%), Estados Unidos (6,5%) e Italia (4,9%).
