A XUNTA DESTACA A “CAPACIDADE DE TRANSFORMAR O FUTURO” POR PARTE DO ALUMNADO QUE ORGANIZA O FORO TECNOLÓXICO DE EMPREGO
A delegada territorial, Ana Ortiz, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron na inauguración do evento
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron este martes na inauguración do Foro Tecnolóxico de Emprego que organiza o alumnado da Universidade de Vigo no campus de Marcosende.
“Nestes dous días, miles de estudantes atopádesvos cara a cara con empresas líderes que veñen aquí a buscar o que máis necesitan: a vosa innovación, a vosa enerxía e a vosa capacidade de transformar o futuro”, destacou Ortiz durante a súa intervención antes de apuntar que o vento se consolida como o punto de encontro crave para o recrutamento da excelencia técnica no noroeste peninsular.
O Foro Tecnolóxico conta co apoio da Xunta de Galicia e está organizado integramente por asociacións de estudantes das escolas de Enxeñería de Telecomunicación, Minas e Enerxía, e Industriais, que pretenden transformar o campus nun centro de negocios de alta intensidade. Durante dúas xornadas, o ecosistema industrial da cidade e as novas fornadas de enxeñeiros confluirán nun espazo deseñado para o intercambio de currículos e a captación de talento.
A programación deste ano non se limita á mera exposición de stands empresariais. O evento inclúe talleres formativos de corte técnico e sesións de orientación laboral enfocadas a mellorar a empregabilidade, desde a redacción do currículo ata a simulación de entrevistas. Unha das actividades máis dinámicas será o speed recruiting, un formato de entrevistas rápidas no que os alumnos poden contactar con múltiples compañías en menos de media hora, facilitando sinerxias que adoitan derivar en contratos de prácticas ou empregos directos.

