A XUNTA INVESTIRÁ 520.000 EUROS NA REHABILITACIÓN INTEGRAL DO CEIP CARBALLAL-CABRAL

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou o centro escolar no que se realizarán obras de cambio de cuberta, ventás e illamento térmico en 2026
“Vigo é a cidade galega que recibe o maior investimento en mellora de espazos educativos e conta con 31 millóns de euros para colexios e institutos”, sinalou

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este luns o CEIP Carballal-Cabral para anunciar as obras que permitirán unha rehabilitación integral das instalacións escolares cun investimento de 518.829 euros por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Segundo avanzou a representante autonómica, o Goberno galego levará a cabo traballos de mellora no centro educativo e o contrato estará en fase de licitación antes de que remate o ano. A rehabilitación incluirá o cambio da cuerta, así como a substitución das ventás e a mellora do illamento térmico.

“Vigo é a cidade galega que recibe o maior investimento en mellora de espazos educativos e só no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, conta con 31 millóns de euros para as instalacións dos colexios e institutos”, sinalou Ana Ortiz.

Ademais, a delegada territorial lembrou que actualmente están en marcha actuacións que van desde pequenas melloras ata proxectos de maior envergadura, como a substitución de cubertas e a rehabilitación dos centros integrados de FP Valentín Paz Andrade (1,9 M€) e Manuel Antonio (1,5 M€), ambas en execución. No orzamento de 2026 tamén está previsto un investimento de 1,5M€ no CEIP Vicente Risco.

Ortiz sinalu tamén que xa está planificada a construción dun novo centro en Navia, o IES Domingo Villar cun investimento de 19M€. O instituto ocupará unha superficie total de case 8.200 metros cadrados, terá capacidade para uns 700 alumnos de ESO e  Bacharelato e estará en funcionamento no curso 2027/28.