ANA ORTIZ DESTACA O FOMENTO DO COMERCIO LOCAL DE VIGO A TRAVÉS DUNHA NOVA EDICIÓN DO CONCURSO DE NADAL DE ESCAPARATISMO
A delegada territorial da Xunta en Vigo presenteou a iniciativa “Ilumina o teu escaparate” organizada polas asociacións de comerciantes
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participaron este xoves na presentación da cuarta edición da campaña “Ilumina o teu escaparate” que organizan as asociacións de comerciantes co apoio do Goberno galego, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para activar o consumo nos pequenos establecementos das diferentes zonas da cidade durante o Nadal.
A representante autonómica animou aos comercios vigueses a participar e á cidadanía a consumir nos negocios de proximidade. “Esta convocatoria é un motivo de satisfacción polo que significa para o sector na cidade, demostra unidade de acción e evidencia que os comercios máis próximos teñen moito que ofrecer aos clientes máis cercanos”, sinalou. Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación apuntou que “a colaboración entre administracións multiplica os beneficios para a cidadanía e queremos promover a economía de Vigo apoiando ao comercio de proximidade”.
A cuarta edición de “Ilumina o teu escaparte” conta coa colaboración da Federación de Comercio de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, Ahosvi, Feprotur e todas as asociacións de comerciantes de Vigo, desde As Travesas, Bouzas, Zona Príncipe, Teis, Navia, Casco Vello ata o Calvario, Zona Náutico, Xeral-Acexvigo e Vigo Centro. O concurso comezará o 20 de novembro e rematará o vindeiro día 10 de decembro. Os locais interesados deben envíar as fotos ao correo iluminatuescaparate@gmail.com. O vindeiro 18 de xaneiro (18:00 horas) o Auditorio da Xunta en Vigo acollerá a gran gala na que se darán a coñecer os gañadores.


