A XUNTA APOIA UNHA NOVA EDICIÓN DE GASTRO MOVIDA QUE CHEGARÁ ESTE ANO ATA O VAL MIÑOR E AROUSA
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación da cuarta edición do evento gastronómico
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación do evento Gastro Movida que se celebrará os próximos 5 e 6 de novembro para converter a cidade en capital da gastronomía e promover o turismo. A representante autonómica salientou que «as bases de Gastro Movida son moi sólidas e o seu potencial é inmenso, creo nas súas posibilidades de crecemento porque se adapta ao que Vigo é e ao que Vigo necesita».
Ana Ortiz apuntou que Vigo «ten o talento e o produto para ofrecer a mellor receita, elementos necesarios para converterse no punto de referencia nacional para todos os profesionais do sector» e o evento é a «panca perfecta para difundir contidos de valor» da industria da gastronomía”. A delegada da Xunta estivo acompañada durante a presentación pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e polo director de Gastro movida, David Suárez, ademais de representantes da hostalería viguesa.
O director de Gastro Movida, David Suárez, indicou que hostalería, produtores, distribuidores e profesionais doutras áreas expertos no sector estarán presentes nun congreso que “promove, por encima de todo, o networking real”, xa que se trata dun “punto de encontro para crear sinerxias e negocio entre empresas e organizacións”.
Pola súa banda, Luisa Sánchez, que puxo en valor “unha cita que, en tan só tres anos, xa se converteu nun imprescindible do calendario de congresos vigués e que, estou segura, ten un gran futuro por diante”. Na súa intervención, a vicepresidenta lembrou que a cidade ten “o mellor produto que existe e os chefs con máis talento”.
Gastro Movida contará con mesas redondas, catas, showcookings, obradoiros e roteiros por Vigo, Cambados e Baiona, que inclúen a visita a Bodegas Martín Códax, o Parador e Castelo de Monterreal e o Faro Grande, ademais de percorrer varios quilómetros do Camiño Portugués da Costa desde o municipio baionés ata Cabo Silleiro.

