ANA ORTIZ DESTACA O LIDERADO DE GALICIA NA COBERTURA VACINAL QUE COMEZA NAS RESIDENCIAS DE MAIORES E CENTROS DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE DA ÁREA DE VIGO
A delegada territorial de Xunta en Vigo subliña o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e, especialmente, das persoas maiores
Os residentes en centros sociosanitarios seguirán a recibir a vacina antigripal de alta carga, que este ano como novidade se amplía a todas as persoas de 70 a 79 anos
Esta campaña non será necesario abrir grandes recintos de vacinación e as doses administraranse en todos os centros de saúde e consultorios
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns a residencia de maiores Albi Beade coincidindo co inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2025-2026, que se estenderá ata o vindeiro 31 de decembro. Nesta primeira fase da campaña inmunizarase nas propias residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade, tanto a usuarios como ao persoal destas institucións.
Como en anteriores campañas, as doses da vacina antigripal que recibirán serán as reforzadas. Como novidade, este ano tamén se administrarán as doses de alta carga a todas as persoas desde os 70 anos, debido á evidencia científica acadada co ensaio clínico Galflu que demostrou o incremento da protección nesta poboación.
A representante autonómica, que estivo acompañada polo subdirector de Enfermería da área sanitaria de Vigo e responsable de vacinación, Antonio Rodríguez Pena, subliñou o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e, especialmente, das persoas maiores. Na última campaña, Galicia volveu ser líder nas taxas de cobertura tanto en gripe como en covid. De feito, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia foi dun 71 %, fronte ao 58,4 % en España.
Ademais, Ana Ortiz destacou o liderado de Galicia na introdución de novas inmunizacións e tamén na modalidade de compra de vacinas. Así, sinalou que por primeira vez no mundo adquírense na modalidade de acordo de risco compartido, o cal liga o prezo das vacinas de alta carga aos resultados en saúde e á súa capacidade efectiva para reducir o número de ingresos hospitalarios por gripe.
Vacinación en centros de saúde
Esta campaña non será preciso recorrer á habilitación de grandes recintos e a organización da vacinación organizarase exclusivamente a través da rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, cos centros de saúde como puntos principais. Serán citadas por mensaxe sms de forma proactiva as persoas desde 60 anos e os nenos desde os 6 meses aos 11 anos, agás aqueles que participen no programa piloto de vacinación escolar. O resto de grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da App Sergas Móbil.
Vacinación infantil
Outra das novidades da campaña é a ampliación da gripe ata os 11 anos e a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar, coa aplicación da vacina fronte a gripe por vía intranasal.
Así, a partir do vindeiro 13 de outubro aplicarase a vacina fronte á gripe por vía intranasal en 55 centros educativos para alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Búscase chegar a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos, é dicir, nados entre 2014 e 2022. En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.
Colexios da área sanitaria de Vigo
Na área sanitaria de Vigo os colexios escollidos son: CRA María Zambrano (O Rosal); CPR Plurilingüe Lar (Mos); CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas); CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); e CEIP Plurilingüe García Barbón, CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, CPR Plurilingüe Santiago Apóstol e EEI Vila Laura (Vigo).
