A XUNTA IMPULSA A REPOBOACIÓN FORESTAL DOS MONTES DE VIGO E A FORMACIÓN LABORAL XERADAS A TRAVÉS DOS OBRADOIROS DE EMPREGO
A delegada da Xunta en Vigo visitou o obradoiro forestal financiado polo Goberno galego con máis de 205.000 euros
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración adicou este ano 3,9 millóns para un total de dez cursos na área viguesa
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes aos participantes no IV Obradoiro Forestal nos Montes de Vigo que permitiu formar durante este ano a 10 persoas desempregadas. A representante autonómica sinalou que o curso tivo un investimento de 205.964 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para reeditar unha edición máis a iniciativa que promove a Mancomunidade de Montes de Vigo.
Ortiz salientou a dobre dimensión dos programas formativos activados polo Goberno galego, e nomeadamente dos obradoiros duais, cun alto nivel de inserción laboral de preto do 60%. “Estas iniciativas supoñen experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, apuntou a delegada, ao tempo que salientou a simbiose entre formación e emprego como fórmula de éxito.
No obradoiro formáronse 10 desempregados e desempregadas en tarefas de roza, repoboacións e infraestruturas forestais, recolección de froitos e sementes, tratamentos silvícolas e control de pragas e enfermidades. As actividades realizáronse nos montes de Beade, Bembrive, Cabral, Candean, Comesaña, Castrelos, Lavadores, Matamá, Saiáns, Valladares e Zamáns.
Novas achegas en 2025
Ademais, a delegada indicou que a Xunta investiu 3,9 millóns en 2025 para un total de dez cursos na área de Vigo. Así, ademais da iniciativa nos montes de Vigo, houbo achegas para repetir neste 2025 co curso Vigo Capacita X. Tamén Mos promoveu a iniciativa Queda en Mos III; Salceda de Caselas contou co curso Recuperación do Legado Patrimonial; Cangas tivo o Granxa da Rúa XIII; en Gondomar o taller Coidando o Miñor; Redondela, o obradoiro Polo Mar de Redondela; O Porriño desenvolveuo obradoiro Porriño Humaniza, e Moaña o taller Labora Hostalería.



