ANA ORTIZ DESTACA O ÉXITO DO BONO PEIXE EN VIGO CON PRETO DUN CENTENAR DE PEIXERÍAS ADHERIDAS E MÁIS DE 12.500 DESCARGAS
A delegada territorial da Xunta visitou este venres o Mercado do Calvario e sinalou que o programa xa supera as 105.000 descargas en toda Galicia nos primeiros días
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o Mercado do Calvario no que comprobou o éxito que está a ter o Bono Peixe entre as praceiras e os usuarios con preto de 100 establecementos adheridos na cidade (694 en toda Galicia e 267 na provincia de Pontevedra).
A representante autonómica sinalou que o programa de promoción do consumo de peixe e marisco frescos posto en marcha pola Consellería de Mar xa alcanzara a primeira hora deste venres as 105.702 descargas desde o inicio da campaña o pasado luns (37.373 na provincia e 12.552 en Vigo). “Galicia volve a estar á vangarda na promoción dos produtos pesqueiros cunha medida pioneira e específica para incentivar a presenza destes alimentos na cesta da compra e que xogan un papel fundamental no marco dunha dieta equilibrada”, sinalou Ortiz.
Ademais, indicou que estes números poden medrar nos vindeiros días xa que o prazo de adhesión continúa aberto ao longo de toda a vixencia do programa de fomento do consumo.Tamén lembrou que estes bonos permiten aos consumidores acceder a descontos do 25% nas súas compras ata un máximo de 5 euros semanais. No caso de non facer uso de parte do saldo, poderase acumular nas sucesivas ata un máximo de 25 euros.
Ortiz indicou que, ademais de beneficiar a saúde da cidadanía, consumir os produtos do mar de xeito frecuente contribúe a reforzar a cadea mar-industria, á vangarda tecnolóxica e referente internacional en sostibilidade. Un sector cun gran impacto en termos de emprego dado que por cada traballador no mar, xérase entre 7 e 10 postos de traballo en terra.
Rebaixa do IVE
A delegada territorial puxo en valor esta acción do Goberno galego fronte a falta de iniciativas do Goberno central de incentivo á presenza destes alimentos na cesta da compra dos consumidoras e a súa reiterada negativa a rebaixar o IVE a estes produtos. Tamén recordou que esta medida é complementada con outras liñas de traballo con campañas específicas como GALICIA SABE AMAR, a promoción do peixe e marisco galegos nas principais feiras nacionais e internacionais, e outras accións realizadas en colaboración coas principais entidades sectoriais.
