A XUNTA LICITA POR 260.000€ A OBRA DE CAMBIO DE CUBERTA DO XIMNASIO DO COLEXIO CEIP DE CHANS-BEMBRIVE, EN VIGO
A delegada territorial, Ana Ortiz, visita o centor escolar e avanza que a obra realizarase coa maior rapidez posible, atendendo aos prazos de tramitación
O Goberno galego está a investir case 30M€ en obras nos centros de Vigo, con actuacións como os cambios de cuberta dos CIFP Paz Andrade e Manuel Antonio
A Xunta vén de publicar na plataforma de contratación a licitación do cambio de cuberta do Colexio CEIP de Chans-Bembrive, en Vigo. Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso adquirido no Parlamento de Galicia de tramitar e realizar esta actuación coa maior rapidez posible, atendendo aos prazos legais de contratación.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita por máis de 260.000€ esta obra, que ten un prazo de execución de 4 meses unha vez que comecen os traballos. Haberá que analizar se estes poden compatibilizarse coas clases. Así o avanzaron este venres a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director territorial de Educación, César Péres Ares, durante unha visita ao centro escolar.
A actuación abrangue a retirada de case 980m² de cubertas rematadas en placa de fibrocemento tanto no edificio do ximnasio como no patio cuberto e local da anpa, con descontaminación dos residuos derivados das mesmas, así como da cubrición do panel sándwich da cuberta do taller.
As novas cubertas serán de panel sándwich de dobre chapa de aceiro galvanizado prelacado con recheo intermedio de escuma de poliuretano e contará con novos canos de chapa de aceiro e baixantes. Tamén se habilitará unha saída á cuberta mediante escaleira de gato para o mantemento da cuberta do ximnasio e construcións anexas.
A Xunta está a investir 36M€ na mellora das instalacións dos colexios e institutos de Vigo nos últimos anos, o que a converte na cidade cun maior esforzo inversor de Galicia. Neste momento están xa en execución intervencións tan relevantes como os cambios de cuberta e rehabilitación dos centros integrados de FP Valentín Paz Andrade (1,9M€) e Manuel Antonio (1,5M€) e no verán licitarase, por máis de 19M€, a construción do instituto Domingo Villar de Navia.

