O CAMIÑO DA COSTA E O TURISMO DE CRUCEIROS MARCAN “REXISTROS HISTÓRICOS” E LIDERAN A AFLUENCIA DE VISITANTES A VIGO
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o presidenta da Autoridade Portuaria, destacan as cifras “récord” de peregrinos e pasaxeiros na cidade durante o primeiro semestre de 2025
“Xa superamos os 36.000 peregrinos e polas rúas da nosa cidade hai picos de 500 camiñantes ao día, polo que non sinalizar o camiño para que non se perdan é un falta de respecto”, sinalou Ortiz
“O noso obxectivo é consolidar estas cifras no futuro, apostando por un crecemento sostible, con movementos dentro do intervalo de 125 a 150 escalas e de 300.000 a 350.000 pasaxeiros anuais», subliñou Botana
A delegada territorial, Ana Ortiz, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, fixeron este luns balance da afluencia de visitantes a Vigo, impulsada polos bos datos que rexistran o Camiño Portugués da Costa e o turismo de cruceiros, ambos en números de récord este ano 2025. Así o fixeron nunha comparecencia pública na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia na rúa Cánovas del Castillo, principal punto de información da cidade.
Ana Ortiz destacou que o Camiño da Costa “bateu todos o rexistros” no primeiro semestre do ano, con 36.000 peregrinos que recolleron a Compostela en Santiago tras pasar por Vigo, o que significa un 20% máis que en 2024. Ademais, a delegada territorial lamentou que “aínda estea sen sinalizar o percorrido por Vigo, pese a que o alcalde comprometeuse a facelo hai un ano na reunión con Alfonso Rueda”.
“A día de hoxe, xa é a ruta xacobea que máis crece, con datos igualables ao Camiño Portugués tradicional e con índices de afluencia de estranxeiros que repercuten directamente na economía da nosa cidade”, mantivo a representante autonómica. Así, Ortiz reinvidicou o trazado como “un dos nosos grandes patrimonios culturais e económicos” e explicou que “hai picos de 500 peregrinos ao día polas rúas da nosa cidade, é un falta de respecto que non atopen a ruta e estean perdidos”.
Turismo de cruceiros en cifras “históricas”
Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, destacou os «rexistros históricos» previstos polo turismo de cruceiros para este ano, con 125 escalas e máis de 300.000 pasaxeiros, o que supoñerá un crecemento de máis do 40% en escalas e pasaxeiros con respecto a 2024. Entre os principais fitos da presente tempada lembrou que haberá 16 escalas inaugurais, 2 escalas triplas, que tiveron lugar o pasado mes de maio, e un total de 21 escalas dobres, unha delas, este mércores.
Así mesmo, 2025 supón a chegada dunha nova compañía a Vigo, TUI Cruises, 4 escalas do Disney Fantasy, 10 escalas da compañía alemá AIDA, e o regreso dun clásico: o Independence of the Seas, cun total de 12 escalas -a máis relevante terá lugar o próximo 27 de xullo, na que se converterá na súa 150ª escala no Porto de Vigo-. No que respecta a 2026, indicou que as previsións apuntan a cifras por encima das 110 escalas e os 280.000 pasaxeiros. «O noso obxectivo é consolidar estas cifras no futuro, apostando por un crecemento sostible, con movementos dentro do intervalo de 125 a 150 escalas e de 300.000 a 350.000 pasaxeiros anuais», subliñou.
Ademais do turismo de cruceiros, tamén se referiu a outros eventos que terán lugar no Porto durante os próximos meses e que atraerán igualmente a miles de visitantes, como a Vigo SeaFest (10-13 xullo), os actos organizados con motivo do Día do Carmen (12 de xullo), o Festival Galicia Fest (29 e 30 de agosto), a Festa do Marisco (4-7 setembro), a escala do buque escola a vela da mariña peruana, o “B.A.P. Union”, o segundo máis grande do mundo (14-17 de setembro), e a Regata Solitarie du Figaro (18 de setembro).
Datos da Oficina de Turismo da Xunta en Vigo
No que respecta á Oficina de Turismo da Xunta de Galicia en Vigo, a delegada territorial sinalou que principal punto de información da cidade, recibiu no que vai de ano a 11.245 usuarios de 70 países. Destacan por este orden os turistas estranxeiros chegados desde Sudamérica, con Venezuela (130) e Uruguay (113) principalmente, pero tamén desde o resto de Europa, con Suecia (80) e Suiza (80); desde Asia, destacando Taiwán (81) e Singapur (63), ou desde África, con Túnez (99) e Sudáfrica (76). No caso de España, encabeza o ranking a comunidade autónoma de Murcia (1.824), seguida de Asturias (1.232), País Vasco (809), La Rioja (718), Baleares (689) e Extremadura (559).
Ademais, apuntou que os principais motivos das consultas dos turistas na Oficina son na busca de información sobre cultura e patrimonio (2.438), espazos naturais (2.234), gastronomía (1.588), praias (1.262), Camiño de Santiago (1.246), compras e artesanía (839), rutas e sendeirismo (578) e festas (326).


