A DELEGADA DA XUNTA FELICITA AOS ESTUDANTES DO IES CARLOS CASARES DE VIGO PREMIADOS NA LIGA MAKER DRONE

Ana Ortiz visitou ao alumnado que participou na competición organizada pola Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, visitaron este luns as instalacións do IES Carlos Casares para felicitar ao equipo de estudantes que resultou premiado recentemente na cuarta edición da competición Liga Maker Drone que organizan anualmente a Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

Os representantes autonómicos mantiveron un encontro cos alumnos que lograron o premio á destreza en voo no certamen celebrado o pasado mes de maio. Mateo, Amaya, Kira, Ildara, Paula, Carlota, André, Sergio e Andrés, así como a coordinadora, Almudena Rouco, explicaron o seu proxecto para deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para o transporte inmediato de medicinas a medios rurais ou de difícil acceso. Na mesma Liga Maker Dron o gañador absoluto foi outro equipo da cidade de Vigo, o do CPR Montecastelo.

A Fundación Barrié e o ITG seleccionan 18 centros de Galicia cada ano. En cada centro constitúese un equipo de alumnos e alumnas de segundo da ESO, formado por 8 integrantes. A liga proponlles construír un sistema dron para resolver un problema social. Durante sete meses o alumnado aprende a voar drons e constrúe o seu sistema dron.

Este sistema dron exhíbese no Coliseum da Coruña no mes de maio de cada ano en formato de competición cos outros centros. Este ano o dron tiña que levar medicinas a hospitais nunha montaña. No ano 22-23, no que o IES Carlos Casares gañou o premio á solución máis disruptiva, o reto foi limpar os océanos, e na edición 23-24, na que o instituto vigués logrou o premio absoluto, o reto era neutralizar niños de velutina.