A XUNTA APOIA A CAMPAÑA DO DÍA DO LIBRO NA ZONA TEIS E TRAVESÍA DE VIGO PARA “ENCHER O BARRIO DE HISTORIAS”
A delegada territorial, Ana Ortiz, salienta a iniciativa dos comerciantes que “convida a mirar os escaparates con outros ollos” na busca de premios culturais
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este martes a campaña do “Día do Libro” organizada polo Centro Comercial Aberto Zona Teis para fomentar a lectura e compra nos establecementos do barrio. No acto, celebrado no barrio das Flores, xunto á rúa Sanjurjo Badía, a representante autonómica destacou o apoio do Goberno galego a unha iniciativa que “convida a mirar os escaparates con outros ollos” na busca de premios culturais.
Ortiz destacou a liña de axudas outorgada tanto ás asociacións de comerciantes como federacións, así como as subvencións para implantar e impulsar a estratexia dixital e modernizar o sector comercial. A delegada tamén indicou que a través desta campaña, os responsables pretenden “encher o barrio de historias”. A iniciativa, que comeza este martes e remata o 30 de abril, pretende estimular a participación dos clientes dos barrios de Teis e Travesía de Vigo en busca de frases misteriosas que están nos escaparates dos comercios asociados para intentar adiviñar a que libro pertence cada texto.
Roberto Giráldez, xerente de Zona Teis, explicou que durante esta iniciativa sortearase unha tablet e 10 vales de compra de 15€ para mercar nas librarías. Na presentación da campaña houbo unha lectura de textos de Rosalía de Castro, Julio Verne e Miguel de Cervantes e tamén estivo presente o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias, así como alumnos do CEIP Vicente Risco.




