Ortiz e Parada asisten á iniciativa solidaria Gladiator Family en favor da Asociación Española Contra o Cancro

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada, asistiron este sábado á celebración da proba solidaria Gladiator Family que acolleu o Porto de Vigo. Esta primeira edición do evento, organizado pola empresa Nokau coa colaboración do Goberno galego, recadou fondos a beneficio da Asociación Española contra o Cancro.

A competición celebrouse no Porto de Vigo e consistiu nunha proba de obstáculos orientada a nenos e nenas de 3 a 12 anos acompañados dun adulto. A carreira, con quendas de saída cada 5 minutos, foi unha proba familiar onde o obxectivo é superar obstáculos. Todos os nenos e nenas recibiron unha camiseta coa inscrición e unha medalla ao terminar.