Ana Ortiz subraia o apoio da Xunta á XXXVII Feira Apícola do Porriño como referente do sector e exemplo de colaboración institucional
A delegada territoria participou na presentación do evento que se celebrará na vila do Louro o vindeiro 5 de abril
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación da XXXVII Feira Apícola das Rías Baixas que se celebrar no Porriño o vindeiro 5 de abril. Acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e os organizadores da Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, a representante autonómica destacou o apoio do Goberno galego ao evento que xa se convertiu en referencia do sector.
«Desde a Xunta de Galicia sempre estaremos ao carón de proxectos que contribúan a poñer en valor sectores fundamentais para o desenvolvemento rural e a conservación do noso patrimonio natural», sinalou Ortiz. A delegado destacou ademais que «a Feira Apícola Rías Baixas é un exemplo de cooperación institucional que permite promover a excelencia e profesionalización dun sector esencial para Galicia».
Pola súa banda, Alejandro Lorenzo salientou que «é un orgullo para o Porriño ser punto de encontro de expertos nacionais e internacionais que comparten coñecementos e experiencias en beneficio do sector apícola». Tamén destacou «a importancia de atraer visitantes e dinamizar a economía local mediante eventos que poñen en valor a nosa tradición e cultura apícola».
A feira comezará ás 10:00 horas e durará ata as 20:00, cunha programación que combinará actividades de divulgación e gastronomía. Entre as actividades destacadas, estarán as Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura, nas que se reunirá a expertos para abordar os retos do sector. Na Praza do Concello, tamén se celebrará un showcooking a cargo de Xulio Mato, do programa da TVG A voltas co prato, no que o mel será o ingrediente protagonista.
Ademais, haberá catas comentadas dos meles da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria, xunto cunha cata de queixos galegos con DOP premiados nas Catas de Galicia 2024. «Queremos que todos os asistentes vivan unha experiencia sensorial, degustando produtos de alta calidade e coñecendo de cerca o seu proceso de elaboración», destacou o rexedor.
A parte máis lúdica incluirá o Bee Happy Market, un espazo de venda de meles e produtos artesanais, así como obradoiros infantís para achegar aos máis pequenos ao mundo da apicultura. Pola súa banda, o venres pola mañá terá lugar unha actividade didáctica para os centros educativos da vila, onde os escolares aprenderán sobre as abellas e a súa importancia na polinización.
Outra das propostas máis agardadas é a tradicional degustación do Pan do Porriño, que se celebrará ás 18:30. Tamén se organizará unha ruta de tapas nos establecementos locais e un sorteo de tres caixas con produtos galegos entre os asistentes á feira ou os clientes das tascas adheridas. O evento converterá, un ano máis, ao Porriño no epicentro da apicultura en Galicia, demostrando o traballo colectivo e o compromiso co desenvolvemento sostible do sector.

