Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo destacan o labor da Asociación Évame-Oroza no “renacemento cultural e social” do Casco Vello de Vigo
A delegada da Xunta en Vigo e o director xeral de Cultura participaron na presentación do programa do colectivo asentado no barrio histórico
O II Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, que conta co apoio da Xunta e a Deputación, terá dúas categorías e unha dotación económica de 6.000 euros
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este xoves, xunto á vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, na presentación do programa de actividades culturais da Asociación Évame-Oroza, creada para conmemorar o centenario do nacemento do escritor Carlos Oroza, falecido en Vigo hai dez anos.
Os representantes autonómicos destacaron o labor realizado polo colectivo, nado en 2022, para revitalizar o Casco Vello. “O renacemento cultural e social do noso barrio histórico é un feito grazas ao traballo que realiza o voso colectivo a diario e como presidenta do consorcio quero felicitarvos por converter o edificio que rehabilitamos nun punto de referencia”, sinalou Ana Ortiz.
Pola súa banda, Anxo M. Lorenzo apuntou ao alcance cultural da asociación. “Évame-Oroza ten unha clara dimensión local pero vai máis aló dese ámbito, é xusto recoñecer que aglutina cultura chegada desde calquera lugar de Galicia ou mesmo de fóra como sucede no Premio de Poesía Carlos Oroza”, indicou o director xeral de Cultura.
Ademais, Luisa Sánchez salientou que «desde a Deputación estamos encantados de poder participar na posta en marcha de todas estas actividades xa que somos unha institución tremendamente comprometida tanto co desenvolvemento do asociacionismo de Vigo como coa cultura».
Tal e como indicou Javier Romero, presidente de Évame-Oroza, a asociación quere “consolidarse como espazo para mostras no que conviven propostas de artistas con traxectorias consolidadas con outras de carácter emerxente”. Romero apuntou que o II Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza terá de novo dúas modalidades (galego e castelán) e contará cunha dotación económica de 6.000 euros cada unha. Tamén avanzou que desde o colectivo xa traballan para a instalación dunha escultura de Carlos Oroza nas rúas da cidade.
O colectivo celebrou en 2023 o centeneario do nacemento do poeta Carlos Oroza e en 2024 creou o Premio Internacional de Poesía. O seu nome Évame-Oroza responde a unha das misións permanentes desta asociación cultural: custodiar e promover o patrimonio literario de Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015), transitar a ponte bicultural que, co legado do poeta, une a creación literaria en castelán e en galego, e animar o risco creativo das novas xeracións nos eidos ibéricos da narrativa e a poesía.
