Ortiz destaca a nova rede de micropaisaxes de Salceda de Caselas para achegar os seus atractivos turísticos

A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, visitou este luns as nova sinaléctica instalada cun investimento de Turismo de Galicia de preto de 30.000 euros

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns a nova sinaléctica instalada en Salceda de Caselas dentro da iniciativa Rede de Micropaisaxes da Axencia de Turismo de Galicia para que os concellos de menos de 10.000 habitantes melloren as súas infraestruturas turísticas.

Durante a visita, na que tamén participou a alcaldesa, María Dolores Castiñeira, a representante autonómica explicou que o Concello de Salceda destinou os 28.474 euros que se lle foron concedidos á sinalización da rede municipal de micropaisaxes. “O obxectivo fundamental é fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”, sinalou Ortiz.

Esta orde de axudas subvenciona actuacións de embelecemento nos accesos a recursos turísticos dos Concellos, que poderán incluír a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas e outros elementos de intereses turísticos; adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes, e actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural.

No caso de Salceda de Caselas, a delegada territorial sinalou que son un total de 22 emprazamentos entre os que podemos atopar elementos de patrimonio, natureza, etnografía, etc.:  Peto de Ánimas da Bugarina, Fontes do Rubás, Muiño das Covas, Carballeira da Laxe, Muiño das Figueiras, Lavadoiro do Rial, Poza Os Agoeiros, Área recreativa Os Agoeiros, Área Recreativa San Cibrán, Área Recreativa Penedo Redondo, Parque Etnográfico Fonte-Muiños do Regueiro, Cruceiro de Soutelo, Área Recreativa Espicho do Faro, Sobreiras da Ascensión, Lavadoiro de Entenza, Fonte do Abade, Igrexa de Entenza, Fonte de Agüín, Muiño das Laxes, Espazo Matadoiro–Parque Etnográfico Río Landres, Parque da Gándara e Praza do Concello.