Ana Ortiz: “o Concello actúa de mala fe no Centro de Asociacionismo e o único que pretende é paralizar outra actuación da Xunta de Galicia en Vigo”
A delegada territorial recibiu aos colectivos que están interesados nas instalacións que se levantarán nos vellos xulgados da rúa Lalín en Vigo
“Estamos ante outra maniobra do alcalde para impedir que o Goberno galego invista na nosa cidade e os prexuízos son para os vigueses”, sinalou
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este luns unha xuntanza con preto de 70 representantes dos colectivos e entidades interesadas en dispoñer dunha sede no futuro Centro de Asociacionismo para explicarlles o intento do Concello de Vigo de bloquear a infraestrutura que o Goberno galego construirá no edificio dos vellos xulgados da rúa Lalín.
Durante o encontro, a representante autonómica explicou que tanto a parcela como o inmoble son de titularidade da Xunta, posto que foi entregado en propiedade polo Goberno central á Comunidade Autónoma para a xestión de competencias en materia de xustiza. O obxectivo é contruír un edificio destinado ao movemento social de Vigo e rehabilitar o edifico para que puidese ser utilizado.
O Consello da Xunta aprobou o pasado mes de novembro a adxudicación por 18,7 millóns de euros da obra asinada polo arquitecto Alfonso Penela, gañador do concurso de ideas convocado a finais de 2022 e que contará co financiamento da actuación enmarcada no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia 2021-2027).
Tras a concesión da licencia de obras municipal en novembro do pasado ano, o Concello presentou este mes de xaneiro un escrito no Rexistro da Propiedade comunicando que é o titular da parcela e suspendido a autorización. “Actúan de mala fe e a proba é que en dous anos e medio de trámites nunca mencionaron ningún impedimento e queda demostrado que se trata doutro intento de paralizar un novo investimento da Xunta na nosa cidade”, sinalou.
Presentación de alegacións
Ana Ortiz explicou que de inmediato presentarán alegacións e desexou que canto antes estea resolto favorablemente. “Non teño ningunha dúbida de que temos a razón e agardo que a dilación sexa a menor posible para responder ás necesidades do importante movemento asociativo que existe en Vigo”, apuntou.
Ademais, a delegada territorial engadiu que a Xunta actuou “sempre de boa fe e coa confianza e seguridade da titularidade” autonómica, tanto da parcela como da edificación. “Foi o propio Concello o que reafirma esta titularidade outorgando a licencia e cobrando tamén o IBI e o único que está provocando é un prexuízo do asociacionismo e dos veciños e veciñas”, remarcou.
Centro de Asociacionismo de Vigo
O proxecto do Centro de Asociacionismo de vigo inclúe, entre outras actuacións, melloras na envolvente térmica da fachada do vello edificio do xulgado, no sistema de climatización, na iluminación, na cuberta ou no abastecemento. Tamén se facilitará a accesibilidade e a integración na contorna mediante a retirada do aparcamento exterior e a rebaixa do terreo para que quede en continuidade coa planta baixa.
A representante autonómica tamén explicou que se habilitarán locais na planta baixa e na primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que se destinaban a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias.
